MAGOS PROFESIONAIS DE GALICIA

 

E S T A T U T O S

DENOMINACION, ÁMBITO E DOMICILIO

TÍTULO I

DA ASOCIACIÓN EN XERAL

ART.- 1º
        
         Constitúese no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, unha  Asociación sen ánimo de lucro que se denomina  "MAGOS PROFESIONAIS DE GALICIA" e que se rexerá pola vixente Lei 19/1977, de 1 de abril reguladora do dereito de asociación sindical e demais lexislación existente en materia de Asociacións que lle sexa aplicable, dentro do marco da Constitución e do resto do ordenamento xurídico.

 

ART.- 2º

A Asociación nace co espírito de defender e impulsar a actividade da Maxia Profesional en Galicia, para tratar de crear un espazo propio dentro das actividades artísticas e culturais da Comunidade. Asemade, a Asociación ten como finalidade situar a actividade artística da maxia , na consideración da sociedade galega, como unha arte con entidade propia.

         Os fins e actividades da Asociación, por orde preferente, son os seguintes:

a) A defensa dos dereitos e intereses profesionais dos magos profesionais de Galicia

b) Impulsar e defender a actividade da Maxia  Profesional.

c) Establecer coas distintas Administracións públicas ( Xunta de Galicia, Deputacións Provinciais, Concellos, etc. ) e/ou entidades privadas ACORDOS de colaboración e CONVENIOS económicos que permitan un maior desenvolvemento cuantitativo e cualitativo da actividade da Maxia Profesional.

d) Incentivar e fomentar o uso público da lingua galega dentro do ámbito das actividades relacionadas ca Maxia Profesional.

e) Colaborar con outras  asociacións ou colectivos de maxia  de Galicia co fin de fomentar a afección á Maxia.

f) Difundir a actividade da Maxia en xeral e a da nosa Asociación en particular a través dunha presencia regular e constante nos medios de comunicación social e da creación dunha páxina web propia.

g) Organizar regularmente actividades de formación e actualización nas distintas especialidades máxicas dirixidas ó colectivo de asociados.

h) Programar actividades lúdicas e didácticas dirixidas especificamente ó público infantil e xuvenil.

i) Sentar as bases para a creación futura dunha Escola  Máxica en Galicia e presentar proxectos e programas diante das administración públicas para acadar un recoñecemento e regulamento oficial das ensinanzas que  dita escola poda impartir no futuro.

 

ART.- 3º

         O domicilio legal da Asociación establécese en SANTIAGO DE COMPOSTELA, rúa Amor Ruibal 27-29, galerías Pontepedriña, local 7 . A Xunta Directiva poderá modificar o domicilio social a calquera outro local dentro da cidade de Santiago de Compostela. Para a modificación do domicilio social a outra cidade o vila galega se precisará o acordo da Asemblea Xeral.

ART.- 4º

         A Asociación desenvolverá as súas actividades fundamentalmente dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, a súa duración será INDEFINIDA, e só se disolverá, conforme a estes Estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral convocada ó efecto ou calquera das causas previstas nas leis así como por sentenza xudicial firme.

 

ART.- 5º

         Os presentes Estatutos serán desenvolvidos e cumpridos mediante acordo que validamente adopten a Xunta Directiva e a Asamblea Xeral, dentro das súas respectivas competencias.

 

ART.- 6º

         A lingua propia da Asociación é o galego, que será a lingua oficial nas actuacións e comparecencias públicas dos asociados, na difusión das súas actividades e na documentación escrita que emane do funcionamento interno e externo da Asociación. En consecuencia, para ser membro da Asociación deberase acreditar un coñecemento suficiente do galego.